Sunday 08 de September de 2024

O pleno dos orzamentos de San Sadurniño adíase para o luns


Por causa dun erro na notificación electrónica da convocatoria do pleno previsto para a tarde deste xoves, o Concello fixou para o próximo luns 22 de xullo ás 19:30h unha nova sesión extraordinaria e de carácter urxente.

Ao pleno de hoxe asistiron só os membros do grupo municipal do BNG e o único representante do Grupo Mixto, o socialista Juan Alberto Rivera Franco, quen se extrañaron da ausencia dos tres membros do Partido Popular.

Por este motivo a portavoz do Goberno local, Mari Carme Muíño Filgueira, contactou coa portavoz do PP, María Belén Trigo Meizoso, mentres que o alcalde, Secundino García Casal, fixo o propio co edil José Luís Hermida Prieto. Ambos aseguraron non ter recibido a notificación electrónica coa convocatoria de hoxe. Unha convocatoria que, porén, foi tratada na preceptiva comisión informativa de asuntos do pleno e que, ademais, está publicada desde o pasado día 12 no tablón de anuncios electrónico da web municipal, onde onte mesmo tamén se publicou unha noticia avanzando o contido da sesión xunto co dato do día e a hora de celebración.

Tras consultar coa Secretaria municipal e comprobar que se producira un erro involuntario na notificación, o alcalde convocou o novo pleno para o serán do luns cos mesmos temas principais: a aprobación formal da denominación “Praza Ramón Díaz Raña” para a praza anexa ao Convento do Rosario e, en segundo lugar, o debate e votación do Orzamento municipal 2024.